martes, 6 de marzo de 2018

VISITA A SANTIAGO


Os alumnos de 1º e 2º da ESO puxemos  rumbo a Santiago para visitar a TVG e o Museo do Pobo Galego.
Nas instalacións da canle autonómica tivemos a sorte de entrar en directo no plató de Bos días e presenciar un debate conducido polo presentador Francisco López Iglesias. Todos fomos conscientes do traballo que hai tras as cámaras e ao rematar, o xornalista aclarou as nosas dúbidas.



E non podía faltar a visita de toda unha institución na galega, Xosé Ramón Gayoso, que leva 26 anos á batuta do Luar. O presentador, alumno da Grande Obra, falounos da maxia que fai a televisión e dos distintos roles que teñen todos os que traballan nun programa. Amosou tamén a súa sorpresa por ser unha referencia para os rapaces xóvenes.


Xa no casco da cidade, na Praza do Obradoiro buscamos taboleiros de xogo medievais e comimos na hospedería de San Martín Pinario. Pola tarde fomos testemuñas do noso pasado e a nosa historia percorrendo as salas do Museo do Pobo Galego. As nosas raíces están presentes nas distintas salas en forma de tradicións, artesanía ou folclore e como non, nas tumbas de Rosalía de Castro e Castelao que presiden o Panteón de Galegos Ilustres.