
O pasado xoves os alumnos de 1º e 2º da ESO visitaron as instalacións da TVG en San Marcos (Santiago) para comprobar en vivo e en directo como se fai a televisión que chega todos os días ás nosas casas. Estivemos en diversos platós onde se realizan programas deportivos e culturais vendo as “tripas” da tele: focos, micrófonos, cámaras e incluso participamos nun deles dos traballos dos técnicos. Ademais, tivemos a sorte de que nos deixaran entrar no control de realización do programa “Bos días” e os nenos presenciaron en directo o traballo de reporteiros e presentadores que saen na pantalla e o non menos importante; o dos realizadores, sonidistas, mezcladores, grafistas, etc. sen os que a televisión sería imposible. Para os que querían ver famosos, polos corredores atopamos a Irene Lamas e Raúl Quián, presentadores do Informativo da mañá e os que buscaban a Gayoso desde que baixamos do autobús, atopárono.
Xa pola tarde visitamos a exposición virtual “Galicia dixital”, onde percorremos Santiago en montaña rusa, chegamos polo aire a Pontedeume, fixemos de tiraboleiros na catedral e mergullámosnos no fondo de mar tras correr en carrilana polas rúas de Compostela. Un paseo de luxo.
Dende aquí, moitas grazas a todos pola atención prestada e un voto de confianza aos rapaces polo comportamento.