sábado, 11 de mayo de 2024

Ciencia na Rúa 2024

Este ano, os rapaces e rapazas de 5º e 6º EP volveron participar no XXVIII Día da Ciencia na Rúa, representando á nosa escola. Esta é unha iniciativa organizada pola Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, os Museos Científicos Coruñeses e o Concello da Coruña. Tivo lugar no Parque de Santa Margarida o pasado sábado 4 de maio e acolleu un ano máis centos de actividades de bioloxía, tecnoloxía, matemáticas e física ao alcance de todos os públicos, da man de alumnado e profesorado de centros educativos da contorna da Coruña, persoal da investigación e divulgación da universidade e outras entidades científicas.





Desta vez, o tema que levaron os nosos alumnos foi a linguaxe computacional, cun proxecto interciclo ao que chamaron "Teclas". Os obxectivos do mesmo foron os seguintes:

  • Coñecer os aspectos básicos da linguaxe computacional.

  • Coñecer brevemente a historia dos videoxogos.

  • Aprender a utilizar os comandos básicos do programa Scratch e as placas electrónicas Makey-Makey.

  • Desenvolver con creatividade e autonomía videoxogos educativos sinxelos.

  • Recoñecer certos videoxogos como recursos pedagóxicos para o desenvolvemento de habilidades cognitivas.

  • Fomentar o traballo en equipo.


Ao longo de tres semanas, o alumnado de 5º e 6º traballou arreo para deseñar e programar distintos videoxogos de temáticas diversas cos seus Chromebook, dende xogos en inglés a outros de matemáticas ou de preguntas sobre cultura xeral.









Ademais desta parte máis práctica, os alumnos tamén tiveron que elaborar infografías explicativas coa ferramenta Canva e prepararse para presentar todo o traballado no proxecto e os diferentes videoxogos ao público asistente á Ciencia na Rúa.

Foi un proxecto moi divertido e á xente que se achegou ao noso posto no Parque de Santa Margarida encantoulle!





No hay comentarios:

Publicar un comentario