martes, 23 de mayo de 2023

PROXECTO DE 3º CICLO ("O MÉTODO CIENTÍFICO") E CIENCIA NA RÚA

Os alumnos e alumnas de 5º e 6º de EP traballamos a reo durante as últimas semanas do primeiro trimestre e comezos deste último para levar a cabo un proxecto interciclo moi interesante e divertido: "O método científico", cuxo produto final levamos nada máis e nada menos que á Ciencia na rúa, que todos os anos organiza a Casa das Ciencias da Coruña.


Traballamos en equipos cooperativos en varios campos da ciencia: plantas, forzas, electricidade, densidades, electromagnetismo... Deste xeito, levamos a cabo diversos experimentos poñendo en práctica o método científico, con todos os pasos a seguir (observación, formulación dunha hipótese, experimentación, análise dos resultados, conclusións e rexeitamento ou aceptación da hipótese).

Para iso, baixamos ao laboratorio e experimentamos de maneira activa, facéndonos preguntas e buscando respostas a través da experimentación en grupo.







Tamén traballamos en varias sesións na aula, para darlle vida aos nosos experimentos e chegar a conclusións científicas a partir de preguntas sobre as cousas que nos rodean: Por que as plantas que medran a escuras non son verdes? Os cereais que consumimos no almorzo conteñen ferro? O son que sae dun altofalante fai reaccionar á materia que está ao seu carón? Que pasa se mesturamos vinagre e bicarbonato?




O mellor deste proxecto tan chulo foi que puidemos participar na feira científica no Parque de Santa Margarida, onde compartimos espazo con rapaces e rapazas doutros colexios e explicamos os nosos experimento ao público que nos visitou. Foi unha xornada moi divertida!













No hay comentarios:

Publicar un comentario