Non era a primeira vez que facíamos este roteiro pola costa de Dexo pero este
monumento da natureza descúbrenos algo diferente cada vez que o visitamos.
O noso punto de partida é a casa do fareiro, agora reconvertida en aula do
mar. Alí vemos como os faros de Mera e o gran vixía da Coruña, a Torre de
Hércules, iluminan o camiño que deben enfilar os barcos que entran no porto da
cidade herculina. Dende a terraza, co
porto exterior de Ferrol ao lonxe, observamos como se mesturan as rías de
Coruña, Ferrol e Ares-Betanzos e recordamos ese refrán que din por aquí os
mariñeiros: “Quen pasa a Marola pasa a mar toda”. Por algo será.
Saímos a andar.
No pequeno porto de Dexo a vexetación crece inclinada polo vento. Camiñamos polas sendas pouco a pouco inquietando
a eses animais que se esconden ao noso paso e imaxinamos os morcegos
agardando a noite, os niños dos cormoráns refuxiados nas furnas ou os paíños tan
pequenos no medio do Atlántico.
O mar acompáñanos todo o tempo coas ondas
batendo nas rochas dos cantís mentres o Seixo Branco descabalga relucente cara a
auga. Non hai bancos pero a festuca
fainos de asento para merendar nunha gran alfombra verde contemplando a Marola
e o Marolete como unha gran tartaruga no medio dese mar. Ao noso carón, a herba de namorar crece preto
dos toxos.
Fin de ruta, augas verdes e tranquilas na praia de Canabal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario