Ao longo dos días 2, 3 e 4 de maio, o CPR San José encheuse de música e baile tradicional.
17 alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de E.P. foron os protagonistas e demostraron que a cultura tradicional está moi viva a día de hoxe, con novas xeracións que veñen dispostas a aprender e desfrutar co legado que temos tras de nós e que moitas veces non sabemos valorar.
Comezamos a xornada do 2 de maio aprendendo o que é o folclore, o que nos define como pobo e dá sentido ás nosas raíces e á nosa identidade. Para traballar mellor esta parte da nosa cultura, levamos a cabo a destreza de pensamento "Compara e contrasta" en equipos, para determinar as semellanzas e diferenzas existentes entre tradición e modernidade. As conclusións ás que chegamos foron moi interesantes!
Tamén puidemos vivir en primeira persoa o proceso de investigación etnográfica coñecido como "recollida" ou "recolleita". Aprendemos un pasodoble de San Vicente de Oitavén (Fornelos de Montes, Pontevedra) mediante a visualización dunha gravación na que puidemos ver e escoitar ás mulleres do lugar. Sacamos as coplas e a melodía e montamos unha peza ben xeitosa!
Canto mérito teñen os nosos maiores, que lembran as coplas que cantaban de novos e axudan a que poidamos aprendelas!
Tamén tivemos tempo para compoñer as nosas propias coplas sobre a escola e a nosa vila. Velaquí tedes algunhas:
Alejandra e Andrea, pandereteiras de toda a vida e mestras de canto, baile e percusión tradicional, achegáronse ata a escola para axudarnos e ensinarnos moitas cousas.
Ademais de cantar e tocar a pandeireta, o segundo día de obradoiro tamén coñecemos unha grande variedade de instrumentos de percusión tradicional: cunchas, lata de pimentón, tamboril, bombo, botella de anís, sachos, peneira, culleres, tixola, charrasco, pandeiro, pandeira, tarrañolas... As posibilidades e ritmos que nos ofrecen non teñen fin!
Como non podía ser doutro xeito, tamén houbo momento para o baile: muiñeiras, jotas, maneos, agharrados... canto suamos, mamaíña! Tamén tivemos a oportunidade de bailar unha regueifa, baile no que a muller levaba un bolo ou molete de pan (regueifa) na cabeza e que se bailaba nos casamentos. Hai que ter moito equilibro para soster o pan dereitiño.
Ademais, aprendemos xogos tradicionais moi divertidos: "Arrinca-lo nabo", "A cebola" e dous xogos cantados: "O lambonciño", de procedencia portuguesa, e a "Media volta", do concello de Ponte Caldelas.
No derradeiro día de obradoiro, entramos en contacto coa vestimenta e a xoiaría tradicional. Primeiro, elaboramos colares ao xeito tradicional, con abelorios e doas que imitaban aos de acibeche empregados antano neste tipo de xoiaría.
María, unha experta no traxe galego e na xoiaría tradicional, acompañounos o venres para amosarnos a súa colección privada de traxes, xoias, fotografías e libros sobre o tema. Abofé que aprendemos moitas cousas! Ollade!
Convertemos a aula nun museo improvisado de fotografías antigas que representaban distintos traxes e esceas cotiás de comezos de 1900.
María amosounos traxes de gala e de cotío, e ata nos deixou vestirnos con eles! Nunha destas fotos, Sabela, alumna de 6º, viste o traxe que a mesma María levou o día do seu casamento, e que é unha reproducción dun traxe orixinal.
Mirade cantas pezas fermosas do traxe tradicional puidemos coñecer de preto!
E así chegaba ao remate este obradoiro da nosa cultura tradicional. Fixemos unha reflexión sobre o que pensabamos antes de comezar e o que pensamos unha unha vez chegamos ao final, e as nosas conclusións foron moi positivas: xa é hora de poñer fin aos prexuizos que existen sobre a música e o baile tradicional. Consideramos que é moi importante darlle o valor que merece, xa que, como dixemos ao comezo, é un tesouro que debemos conservar porque é o que nos define como pobo. Somos moi afortunados por ter diante de nós algo tan grande que chegou ata nós xeración tras xeración, loitando contra o paso do tempo e sobrevivindo grazas aos nosos maiores, ás novas xeracións (que somos nós) e á xente que día a día traballa a prol das nosas tradicións.
LONGA VIDA Á MÚSICA TRADICIONAL E Á NOSA CULTURA!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario