viernes, 4 de noviembre de 2011

OS DE 1º E 2º DE ESO NOS FAROS DE MERA

Desde a vivenda do antigo faro de Mera, hoxe convertida en aula do mar, contémplase unha incomparable paisaxe. Se miras cara adiante, a Torre de Hércules vixiando a entrada da cidade da Coruña; ao outro lado, o porto exterior de Ferrol e no medio, a entrada das rías de Betanzos e Ares. Aí estivemos nós, os de 1º e 2º da ESO, instalados nesa paisaxe imaxinaria que chaman Artabria.
Acompañados polos guías do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) camiñamos pola beira do mar ulindo o seu cheiro, contemplamos de preto e por terra a tan temida Marola, descubrimos o Marolete desde o pequeno porto de Dexo, asomámonos ás furnas e ao Seixo Branco atentos por si se achegaba un paíño ou por se ao noso paso cruzaba unha píntega e tamén, observando a uns mariñeiros, descubrimos por que son tan caros os percebes. Gañas non nos faltaron de apañar unha herba namoradeira pero escasean nuns cantís que tamén sofren a praga das plantas invasoras.


Pola nosa parte, temos claro que so respectando o noso entorno impediremos que desapareza ese tesouro natural. Unha excursión moi recomendable.

No hay comentarios:

Publicar un comentario