viernes, 24 de noviembre de 2017

TODOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Con motivo do 25 N, e partindo dunha idea do Concello de Pontedeume no que se nos invitaba a poñernos de loito para solidarizarnos coas mulleres que sofren violencia machista, levouse   a cabo no colexio unha xornada de reflexión contra a violencia de xénero.

 Xunto a outras actividades realizadas en Titoría, hoxe tivo lugar un acto colectivo,  no patio cuberto, onde todos os alumnos de Secundaria , vestidos de negro ou con crespóns da mesma cor ,gardaron  un minuto de silencio por todas as víctimas e leuse un manifesto contra a violencia de xénero.

 Foi un acto sobrio pois o que se quería poñer de manifesto é que estamos ante un tema moi grave do que non se pode facer chanza.

MANIFESTO:


En 1991, a Organización de Nacións Unidas deu carácter oficial ao 25 de novembro e foi declarado “Día Internacional contra a violencia cara ás mulleres”. Tristemente desde esa  data, cada ano volvemos a reunirnos para seguir condenando a violencia, que se segue a exercer en contra das mulleres.

Hoxe estamos aquí para denunciar e condenar calquera tipo de violencia que se exerza sobre a muller: o maltrato físico, que deixa marca e doe, que humilla e somete; o abuso verbal e maltrato psicolóxico, que destrúe, anula e aniquila a individualidade da muller; e o maltrato sexual, que cousifica e denigra.

Con este manifesto:

- Queremos proclamar que a sociedade non pode nin debe tolerar nin unha morte nin unha agresión máis.

- Queremos proclamar que a sociedade non pode xustificar nin protexer aos homes que agriden, insultan, humillan, acosan e asasinan.

- Queremos proclamar que ningunha muller merece ser maltratada, e que nada xustifica ao home que emprega a violencia para dobregala e sometela có único fin de perpetuar o machismo.

Con este manifesto queremos pedir:

- que as institucións responsables articulen todos os recursos ao seu alcance para loitar con esta lacra social.

- que as mulleres teñan unha resposta inmediata e efectiva cando piden axuda, garantindo a súa seguridade e a dos seus fillos.

- que as institucións manteñan a vixiancia e a atención ás mulleres unha vez abandonados os recursos de acollida para que ela e os seus fillos se sintan protexidas e acompañadas nese proceso de vida independente e autónoma.

- tamén e moi especialmente queremos pedir neste acto que se doten de todos os recursos para atender aos menores que son vítima de violencia de xénero, poñendo en marcha programas educativos e de atención psicolóxica especializada . Nin un neno máis morto !

Para concluír dicir que isto é un problema social que nos afecta a todos e, por iso, pedimos á sociedade que non peche os ollos. Cremos que a educación desde a infancia é fundamental. Os nenos deben aprender a resolver os seus conflitos de forma pacífica e os pais e profesores serán os encargados de que nas aulas e nas casas, nenos e nenas teñan os mesmos dereitos .A violencia, sexa do tipo que sexa, limita sempre o desenvolvemento dunha sociedade sa.

A igualdade entre homes e mulleres é un dereito que todos temos, e si este se viola, hai que denuncialo. Queremos unha sociedade sa e respectuosa. Iso axudaranos a ser mellores persoas. Por iso dicimos:
NON Á VIOLENCIA!
NON AOS VIOLENTOS!
NON Á VIOLENCIA MACHISTA!

 
 


No hay comentarios:

Publicar un comentario